Friday 26 de April de 2024

O Concello de Cerdido lanza o grupo de difusión de Whatsapp “Cerdido Informa” no que os veciños e veciñas poderán informarse de toda a actualidade do municipio ao instante


• Para activar este servizo tan só hai agregar aos contactos o número de teléfono 680 37 65 26 e mandar unha mensaxe de whatsapp coa palabra ‘ALTA’

O Concello de Cerdido lanza o grupo de difusión de whatsapp “Cerdido Informa”, no que os veciños e veciñas que o desexen poderán informarse de todas as novas, programación e actualidade do municipio ao momento.

Este servizo permitirá á veciñanza acceder dun xeito máis rápido á información sobre todos os eventos, incidencias e calquera outro tipo de notificación que sexa de interese.
Aqueles que queiran ser partícipes deste servizo tan só terán que agregar o número de teléfono 680 37 65 26 aos seus contactos e enviar unha mensaxe pola aplicación de mensaxería whatsapp coa palabra ‘ALTA’.

Como apuntou o rexedor local, Benigno Galego, “Este servizo pretende mellorar a comunicación coa nosa veciñanza, facilitando que todos os cerdidenses podan ter constancia da actualidade no noso municipio”.

“Animamos a todos os veciños e veciñas a que den de alta este servizo de carácter gratuíto” engadiu o alcalde.